Benvida a esta web.

24.04.2017

Xa nos comezos do Terceiro Milenio da nosa era o Papa San Xoán Paulo II chamaba á Igrexa a unha nova evanxelización no seu ardor, nos seus métodos e na súa expresión. O Papa Bieito XVI lembrábanos en Portugal hai uns anos que a Igrexa está ao servizo doutro: serve non para ela mesma, para ser un corpo forte, senón que serve para facer accesible o anuncio de Xesucristo, as grandes verdades e as grandes forzas de amor, de reconciliación que veñen sempre da Súa Presenza. E o Papa Francisco afirmaba con forza hai uns días que o tan utilizado sempre se fixo así fixo e fai moito dano á Igrexa porque os cristiáns obstinados no sempre se fixo así, pecan.

Xa que é preciso unha nova evanxelización que nos tire do cabalo do "sempre se fixo a así" e xa que logo a Igrexa está para servir e para facer accesible o anuncio de Xesucristo... aquí estamos, inaugurando este portal dos que formamos esta comunidade de fe no corazón de Galicia para o servizo de todos nestes tempos que nos esixen uns novos métodos, un novo ardor e unha nova expresión.

Benvido, benvida, ao teu fogar, agora tamén na rede!

Se das unha voltiña por esta web atoparás distintas seccións:

  • na pestana de Misas calquera persoa poderá ver os horarios de Celebración da Eucaristía nas igrexas que están dentro da Unidade Pastoral de Lalín (cos avisos de cada semana) e na súa contorna e incluso poderá solicitar a celebración por unha intención en particular (o que, en linguaxe común se di "pedir unha Misa").
  • Certificados / Solicitudes para pedir documentos tan comúns como unha Partida de Bautismo ou descargar, entre outros, o formulario que se utiliza para inscribrir aos cativos (ou a ti mesmo!) na Catequese Parroquial.
  • en Formación atoparás algo así como "mini cursos" que poidan servir para un mellor e maior coñecemento da nosa fe e das "nosas cousas". Procuraremos que esta sección estea actualizada e pouquiño a pouco conte con máis información.
  • na sección de Actividades atoparémonos os distintos grupos que hai dentro da Parroquia así como as actividades que nela se leven a cabo.
  • en Colabora facilitase o cumprimento da obriga que tódolos cristiáns temos de soster -tamén economicamente- as nosas comunidades. E non só os cristiáns senón tamén calquera persoa que de boa fe considere que apoiar a labor da Igrexa é algo positivo para todos.
  • e, por último: Oracións para rezar algo antes de marchar -xa sexa en galego, en castelán ou en latín-; Quero ser Cura dirixido especialmente a aqueles mozos que senten a chamada ao sacerdocio; Palabras do Papa, Palabras do Bispo e Palabras do Cura onde poderemos ler declaracións, homilías e outros textos dos nosos pastores; Fotografías das actividades parroquiais; e Recursos para todos con guións litúrxicos, reflexións, imaxes cristiás ou incluso exames de conciencia.

Agora ben, debemos confesar que, como poderás ver, algúns dos apartados desta web están aínda a medio facer; a necesidade de publicala foi máis veloz que o traballo feito. De tódolos xeitos o compromiso de completala canto antes é firme e, de verdade!, seguimos a traballar para que coa axuda da Virxe María (nunca falla!) estea rematada máis cedo que tarde. Con este traballo que queda por facer poderemos incluír outras seccións que todavía non figuran pero que formarán tamén desta web.

Benvido/-a a este portal: pequeno recuncho teu do teu fogar, a Igrexa.

Que Deus te bendiga!

Sagrado Corazón de Xesús, en vos confío!

Doce Corazón de María, guiános por vieiros seguros!