Novos tempos.

05.05.2017

É preciso un novo compromiso, non de re-evanxelización, pero si dunha evanxelización nova. Nova no seu ardor, nos seus métodos, na súa expresión dicía o Papa San Xoán Paulo II aos Bispos de América Latina alá polo ano 1983 (algúns aínda non existiamos mais que na mente de Deus). E hai uns días o Papa Francisco afirmaba con forza que hai unha frase que nunca teñen que usar: "sempre se fixo así". (...) Sempre hai que estar a cambiar porque o tempo cambia, o que non cambia é o esencial. (...) Pero o "sempre se fixo así" fixo tanto dano na Igrexa e continúa a facer tanto dano á Igrexa...

Entre unha e outra afirmación pasaron trinta e catro anos (trinta e catro!)

A Igrexa está reorganizándose logo de atender seria e tranquilamente a cal son as necesidades dos cristiáns e cal as posibilidades para afrontalas.

Non só é cuestión de falta de vocacións sacerdotais senón que é máis ben o resultado dunha "sinxela" suma na que conta a falta de curas, o grande número de parroquias (Lugo é a Diocese con máis parroquias de España), o despoboamento que está a vivir Galicia -especialmente a Galicia interior- e a cantidade -e a calidade- da vivencia da fe dos que estamos. Ata hai uns anos cada parroquia -por moi pequena que esta fose- tiña un sacerdote ao seu servizo pero vivía máis xente nesa parroquia, había máis práctica relixiosa desa xente e poucos medios para desprazarse. Hoxendía é ao contrario: menos xente, menos práctica relixiosa e máis medios para desprazarse.

Pensemos en calquera das aldeas da nosa terra. Hai un tempo había un párroco adicado ao servizo dela, non si? pero... canta xente vivía nela? e destas persoas, cantas eran novas? que práctica relixiosa había? e, por último -só é un exemplo- cantos tiñan posibilidade de desprazarse a outros lugares para vivir a súa fe?

Alguén pode crer que non manter os actos litúrxicos de tódolos días -ou de tódalas semanas- na "miña" igrexa parroquial é unha violación a uns supostos dereitos. Pero esa "violación" non é tal. Queiramos ou non os tempos trocaron, é preciso unha nova evanxelización, con novos métodos e novas formas; senón o que queda é agardar a que o tempo pase coma se nada mentres os bancos das igrexas se van baleirando á mesma velocidade que se enchen os camposantos (ou sexa: moi axiña).

Ademais hoxendía calquera -ou case calquera- ten posibilidade de desprazarse alí onde queira (se de verdade ten interese). Ou seica non buscamos o cando e o como para ir ás compras -aínda cando estas poden non ser importantes-, ao médico ou simplemente a unha festa? Se a fe é importante para un, cóidase; se non se coida... quizais é porque só é importante "de gorxa pra riba".

E as vocacións sacerdotais? "Non hai curas", dise. Certo, pero cantas son as familias que aceptan o nacemento dunha vocación no seu seo? E, paralelamente, cantas as que se apertan ao dereito de contar cun cura "só para elas" na súa igrexa como e cando se desexe? Inversamente proporcional, non si? Esiximos un cura pero ao meu fillo que nin se lle ocorra pensar en selo e veña,  "outra de gambas!".

Ademais eses sacerdotes que si hai deben cumprir coa súa misión e neste cumprimento está tamén a obediencia á Igrexa quen ten o grave deber de prover de sacerdotes ás comunidades, segundo conveña e poida, e de velar maternalmente que estes cumpran coas leis que emanan do Código de Dereito Canónico. Que di este con respecto a isto? Pois dúas cousas que non ven mal lembrar: cada crego non pode celebrar máis de dúas veces a Eucaristía cada día e todo crego ten dereito a "xubilarse" (e descansar de responsabilidades) a partir dos 75 anos. Dúas cuestións: as Misas e a idade. A primeira norma obriga a gardar o debido respecto á Santa Misa (que os cristiáns sabemos que non é un "facer por facer" como quen fai churros a esgalla) e a segunda lembra a necesidade de gardar o debido respecto ás persoas que sendo sacerdotes entregaron a súa vida por amor a Cristo e polo ben das súas xentes.

Polo tanto e concluíndo: se a vida cristiá dos nosos pobos -despoboados- é a que é, o número de cregos e a súa idade son os que son, os intereses das familias cristiás de ter un fillo cura son tamén as que son e as posibilidades de desprazarse para vivir a fe hoxendía son as que coñecemos, cómpre buscar unha solución, penso eu. Porque será mellor aceptar e trocar a deixarnos morrer converténdonos para a historia nos "últimos de Filipinas" (ou, mellor dito, nos últimos cristiáns da nosa terra).

Así é que quen ama a súa fe e lle dá importancia, quen quere coidar de non perder aquilo que recibiu e quen de verdade abre as portas (do entendemento e do corazón) á nova realidade, aceptará e colaborará nestes novos tempos; quen non, quedará na cuneta da vida petando coa cabeza no chan convencido de que "o seu parecer" (manifestado sempre no "eu penso que") é sempre mellor e maior que o da Igrexa. 

Non sei cal era a pregunta que facía a nosa xente con respecto a isto alá polos anos 70, 80 ou 90 pero si sei que a de hoxe (2017) xa non pode ser  esa de "hai Misa na nosa Parroquia?" senón a de "en que igrexa se celebra a Eucaristía?". Porque Misa hai, dígoche eu que hai, e moitas veces. (Ah! E de cando en vez non estaría de máis pensar que o teu fillo pode estar chamado a ser cura; e axudalo. Logo, cando xa o sexa, terás moitas vantaxes e poderás "pedirlle" esa Misa, ese día e nese sitio.)

- Marcos Torres, Admistrador Parroquial -