Os 10 Mandamentos
Parte da alianza selada por Deus cos seus.

No Antigo Testamento Deus entregou os Dez Mandamentos a Moisés no Monte Sinaí para axudar ao seu pobo a cumprir a lei divina.

Xesucristo confirmounos e levounos á plenitude coa súa vida.

Dez son os Mandamentos pero resúmense en dous: amar a Deus sobre todo e amar ao próximo como a un mesmo (ou, mellor dito, como Cristo ama a cada un).

Os Mandamentos da Lei de Deus son:

AMARÁS A DEUS SOBRE TÓDALAS COUSAS.

Recoñecer que Deus é o Señor de todo, que está por riba de todo. É El e non outros "señores" ou ídolos o que debe ser adorado polo ser humano. 

NON TOMARÁS O NOME DE DEUS EN BALDE.

Non insultar nin ofender a Deus; non blasfemar nin xurar no seu nome en falso.

SANTIFICARÁS AS FESTAS.

Coidándote de descansar, de desfrutar contigo e cos teus do merecido repouso polo traballo feito. Aproveitar cada día de festa (cada domingo, por exemplo) para descansar o corpo e coidar de xeito especial a alma.

HONRARÁS A TEU PAI E Á TÚA NAI.

Quen honra aos seus, a súa familia, a aqueles que lle deron a vida e case todo o que ten, agrada a Deus. Honrar a un pai e a unha nai significa recoñecer e respectar a propia historia. Honralos é amalos, respectalos. coidalos.

NON MATARÁS.

Nin con armas, nin coa lingua, nin co silencio. Non matar significa tamén defender a vida (cada vida, en tódalas súas etapas).

O outro é un ser humano coma ti que ten unha dignidade tan alta coma a túa (sexa el quen sexa). 

Pero este mandamento tamén se refire a un mesmo; non matarse (coa droga, o alcohol...).

NON COMETERÁS ACTOS IMPUROS.

A impureza é a utilización do corpo e do "desfrute" desordeadamente.

NON ROUBARÁS.

Non coller aquilo que non che pertence a ti. Non roubar non significa só non quitarlle a outro algo material senon que se refire tamén a non despoxar ao próximo do seu tempo, da súa dignidade, do seu futuro, da xustiza, da paz...

NON DIRÁS FALSO TESTEMUÑO NIN MENTIRÁS.

Este mandamento obriga non calumniar ao próximo, nin mentir, nin contar os defectos dos demais, nin pensar mal da xente. Este mandamento tamén nos obriga a tratar reparar ata onde sexa posible o dano feito polos demais.

NON CONSENTIRÁS PENSAMENTOS NIN DESEXOS IMPUROS.

O sexto refírese aos pecados externos de impureza; este aos internos.. Non só é pecado cometer o que é desordeado senón tamén desexalo.

NON COBIZARÁS OS BENS ALLEOS.

É "a segunda parte" do sétimo e consiste en non desexar o alleo. Temos que loitar para medrar pero non sendo egoístas nin envexosos.